Thursday 16 de May de 2024

O Concello colabora coas actividades de difusión e salvagarda do patrimonio documental e fotográfico do Museo do Mar de Laxe


• A través dunha axuda de 7.000 euros, cofinanciada pola consellería de Cultura e a Administración local, o Museo adquiriu material de almacenaxe e tamén paneis informativos.

O Concello de Laxe continúa apoiando e colaborando co Museo do Mar a través dunha axuda de 7.000 euros destinada ao “Proxecto de actualización e salvagarda da colección permanente do Museo do Mar de Laxe”. Dese total, o 80% foron sufragados pola consellería de Cultura, Educación e Universidade e o 20% restante pola Administración local.

Esta achega económica forma parte dunha convocatoria de axudas deste ano 2022 destinadas aos centros museísticos da Rede Galega de Museos.

O obxectivo deste programa foi dobre: difundir e salvagardar todo o material e patrimonio gráfico do museo, especialmente os negativos do Fondo Fotográfico de José Mª Vidal Eiroa e do Arquivo Fotográfico Vidal (imaxes, estas últimas, declaradas Ben de Interese Cultural de Galicia); e darlle unha maior visibilidade ás fotografías.

Con esta axuda económica desde o Museo de Laxe executáronse diversas adquisicións para apoiar os obxectivos antes mencionados como a compra de elementos de almacenaxe (carpetas, caixas) e paneis informativos para mostrar a documentación visual.

Desde o Concello móstranse moi satisfeitos con “todo o traballo realizado polo Museo xa que loita por manter viva a historia de Laxe en particular pero, tamén de xeito xeral, a de toda a Costa da Morte”.